
ALALÁ
traxes xoia
100% galegos
ALALÁ da nome á división de moda de Miranda Priestly, S.L.
Constituída formalmente en 2011, ALALÁ significa excelencia en costura e independencia en deseño e creatividade.
ALALÁ é a primeira firma galega especializada no deseño e confección de traxes xoia, no deseño e confección de coleccións prêt-à-porter de luxo,
e na recuperación e confección de vestiario patrimonial galego.
Cativados pola idea do luxo artesanal, poñemos a técnica e o noso savoir-faire ao servizo dun deseño rico en detalles e atemporal en formas.
Desde o primeiro momento, nas nosas pezas atópanse a paixón pola moda, o deseño e a historia do traxe co máis xenuíno labor artesán.
Este xeito de traballar ten situado en moi pouco tempo a ALALÁ nun lugar preeminente dentro da industria da moda.
Comprometidos coa idea da excelencia, as creacións de ALALÁ están a medio camiño da slow fashion e da ecocouture,
distanciándose das liñas low cost e achegándose á moda entendida como obra persoal, artística e manual.
O noso compromiso coa moda sustentábel e coa contorna, lévanos a elaborar todas as pezas de maneira artesanal nos noso propios obradoiros,
podendo así poñer en valor a excelente man de obra e materia prima locais.
Para nós a moda é cultura e arte, por iso os ALALÁ desprenden joie de vivre e expresan o noso amor pola moda, o estilo e a beleza.

Somos
moda
Na forma e no fondo.

ALALÁ
traxe tradicional
100% galegos
É na historia onde atopamos as fontes que nos permiten reproducir un traxe de xeito fidedigno.
A elaboración dun traxe non se limita a unha agulla co seu fío; interveñen factores como a tradición oral, o oficio de coser,
as bibliotecas, pinacotecas, hemerotecas, os museos, as huchas das casas ou os retratos antigos, que fan que o resultado sexa perfecto.
Para acadar unha reprodución totalmente fiel recurrimos á interpretación das pezas a través dos sistemas clásicos e modernos.
Para nós, a pureza dos materiais é sagrada. Pero o paso do tempo e as novas tecnoloxías minguaron a produción de tan prezados recursos.
A división de traxe tradicional de Miranda Priestly preocúpase de buscar en orixe todos eses materiais que xastres e modistas empregaron para engalanar aos seus contemporáneos:
panos de la, sedas indias, brocados ingleses, fíos holandeses, liño galego, estameñas do Caurel, abelorios checos e italianos, fitas e galóns de diferentes orixes, etcétera.
O noso sinal de identidade é o método de confección artesanal, que garante que forraría, botoeiras, bordados e cosidos se realizan a man.
Para o traxe feminino empregamos o xeito de coser das costureiras da aldea e para o traxe masculino o xeito de traballar dos xastres.
Aquí os patróns obtéñense de pezas antigas. E, cando isto non é posíbel, reprodúcense a partir dos tratados de xastrería e modistería dos séculos XVII, XVIII e XIX.
Na división de traxe tradicional de ALALÁ reproducimos a vestimenta segundo o gusto da persoa, xa sexa de cotío, xa sexa de gala, e para todas as idades.
Desde 1997, Álex Regueiro, director do noso obradoiro tradicional, posúe a máis alta acreditación oficial, a carta de artesán en traxes tradicionais populares galegos,
e este estudio a máis alta cualificación como obradoiro artesanal, que lle outorgou a Consellería de Innovación e Industria no ano 2000.
Mais de trinta premios á confección de traxe tradicional galego avalan o traballo de ALALÁ, o obradoiro máis antigo da comarca de Compostela.

Somos
arte
Na forma e no fondo.